Thursday 28 de March de 2024

25N, San Sadurniño mira de fronte a violencia machista


O Concello de San Sadurniño inicia hoxe as actividades con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller. Falando con propiedade, as actividades xa levan días desenvolvéndose, aliñadas co coa campaña provincial defronte.gal que comparte a través da súa web contidos para todas as idades co nexo común de continuar promovendo a concienciación e unha análise precisa das raíces e posibles vías de solución para un dos grandes problemas da nosa sociedade.

Dentro das accións municipais, esta mañá presentouse na EIM A Rolada e nas aulas da rapazada máis pequena do CPI San Sadurniño o libro “Os Bolechas van a San Sadurniño camiñando pola Igualdade”, con participación do debuxante e autor Pepe Carreiro. A familia máis coñecida polas crianzas viaxa a San Sadurniño para visitar á súa amiga Saíme, descubrindo un territorio cheo de patrimonio, natureza e oportunidades de medrar, vivir e realizarse plenamente sen violencias machistas e sen distincións por razón de xénero.

Desta nova aventura dos Bolechas editáronse 900 exemplares para a súa distribución gratuíta entre os nenos e nenas do concello, gracias a unha axuda da Secretaría Xeral de Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero impulsado polo Ministerio de Igualdade.

Ademais de traballar os valores de respecto e igualdade coas crianzas máis pequenas, o Concello -tinguido de luz violeta desde onte á noite- tamén propón outras accións con motivo do 25N, entre elas o obradoiro de chaveiros solidarios do Tempos para Compartir que terá lugar o sábado á tarde en Lamas, a distribución de materiais -pulseiras, pegatinas, salvamanteis para a hostalaría e o comedor escolar…- e a proxección do do filme “As tres caídas de María Santiso” , que terá lugar na Casa da Cultura o domingo a partir das 18:00h seguida dun coloquio con parte do elenco. Para esta última cita fai falla inscrición no 981 490 027 ext.1 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Antes do pase da curtametraxe lerase a declaración institucional consensuada pola representación dos tres partidos con presenza na Corporación municipal, que reproducimos a continuación:

Declaración Institucional #25N
A loita contra a violencia machista é un dos retos máis grandes para a sociedade galega e para a humanidade no seu conxunto. A forza do feminismo fai que o 25 de novembro, declarado Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1999, sexa unha data de denuncia e reivindicación que convida a reflexionar e actuar para avanzar na súa prevención, sensibilización e erradicación.

No que vai de ano 2021 Galicia xa tivo que saír á rúa condenar un feminicidio cometido na Coruña. Así mesmo, segundo os datos do IGE, durante o 1º semestre de 2021 a Atención polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección abordou o seguimento de 536 novos expedientes e foron comunicadas máis de 500 medidas de protección. Así mesmo, diversos colectivos denunciaron recentemente o incremento da violencia obstétrica por mor das dificultades de acceso aos servizos durante a pandemia, así como a permanencia da vulneración de dereitos como o acceso a un aborto digno e gratuíto no sistema público de saúde.

A pandemia da covid-19 trouxo ao noso contexto actual unha importante crise sanitaria, social e económica que atravesa de forma moi intensa a realidade das mulleres, un dos sectores máis afectados da nosa sociedade. É evidente que neste contexto, aínda que invisibilizada, a violencia machista continuou connosco. Asociacións de mulleres, institucións e profesionais de diferentes ámbitos coinciden na grave afección das medidas de confinamento e de restrición de actividade e mobilidade social para a actuación sobre a violencia machista e o grave risco para milleiros de mulleres.

Entre outros exemplos, podemos sinalar como na súa Memoria anual do ano 2020, coñecida en outubro, a Fiscalía Superior de Galicia sinala que hai un nicho de criminalidade que a pandemia ocultou e que no ámbito da violencia machista “o nivel de convivencia que a situación xerou, sen ningunha dúbida, supuxo un aumento que as cifras derivadas da fría estatística non reflicten, pero que aparecerá seguramente nun futuro non moi afastado ao atoparse actualmente soterrada, de forma que pronto, entendemos, xurdirá un goteo de procedementos cuxa orixe ou aparición se deriva da pandemia.”

Polo tanto, aínda que a situación da pandemia estea nunha fase de control, é necesario que se atendan todas as súas repercusións, tamén no ámbito da violencia machista. É necesario, polo tanto, abordar a necesidade de fortalecer os medios existentes e de adquirir máis compromisos orzamentarios, lexislativos e políticos.

Nos últimos anos Galicia é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, e de importantes mobilizacións, como amosa a cada vez maior resposta aos feminicidios, en concovatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo. Estes feitos dan conta da fartura social e do gran rexeitamento á violencia machista da sociedade galega, como tamén reflicten os datos da enquisa sobre percepción da violencia de xénero por parte da sociedade galega, que sinala como o 80% da sociedade entende que este é un problema social que atinxe a todas as persoas e non se circunscribe ao ámbito privado.

Por todos estes motivos, é necesario que este 25 de novembro fuxa de ritualismos e declaracións de intencións e que colectivamente asumamos máis compromisos.

Por todo o exposto, os tres grupos con representación na Corporación do Cocello de San Sadurniño acordan:

1- Seguir traballando na prevención e contra a violencia de xénero dende a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional.

2- Demandar da Xunta de Galicia o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como por exemplo no ámbito da atención psicolóxica garantida desde a atención primaria.

3- Demandar da Xunta de Galicia o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio especialmente aquelas comarcas que actualmente carecen deste servizo así como a dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal daqueles CIM que asumen unha maior carga de traballo. Para tal fin, a Xunta de Galicia elaborará e remitirá á Cámara galega e á FEGAMP antes de finalizar o presente ano, un Plan específico debidamente orzado e coa correspondente planificación temporal para levalo a cabo.

“Alí onde alguén loita pola súa dignidade, pola igualdade,
por ser libre… míralle aos ollos” ( Bruce Springsteen)